|
Ás tres da tarde, un ar de folgo murcho
mandou espadas tristes
de lúa negra , láminas convexas,
folerpas de carbón sobre os tellados.
E ti marchabas
lenta
co teu fillo no colo, transparente,
odiadora da tebra, cega en ruídos.
Unha boca de
serpes amarelas
furaba nas raíces, levantaba
un géiser de laranxas polos troncos
a brincar nas alturas como un tigre.
E ti marcharas
lenta, soñadora,
e a xente fixo un arco no arredor
das casas fumegantes.
A noite foi botando sedas verdes
e musgos e augas doces nas feridas
e un ovo atroz de páxaros escuros
ficou durmido, gris.
Pero logo
acordaron os latexos
do chumbo subterráneo. Na vixía
do soño incandescente
ollábamos ferver un corazón
por debaixo da escoura.
Tres días
perseguín a serpe moura
do xofre enlouquecido.
E ti tan lentamente, voz de fonte,
para darme paciencia, para darme
ancoraxe na luz.
[Vocabulario das orixes]
Δ
Zoo
Eu son o
visitante inesgotábel
da casa das orixes, das gaiolas
onde dormen vencidas ou, despertas,
chaman por min e bradan e asobían
as feras da memoria de ollos mouros.
Ninguén pode
ceibar as aves tristes
dun voo que pasou e vai no vento
mais o canto regresa e permanece
a voz delas na nube desta voz.
No acuario
escriben liñas abisais
os peixes dunha noite de horas cegas
que foi a miña noite de profunda
ciencia de lume e terra, auga e ar.
Hai un tigre soberbio, fascinante,
parado nun minuto de paixón,
e o dromedario lánguido, sereno,
coñece as terras ermas que eu crucei.
Serpes noxentas,
días sen atmósfera,
arañas e lagartos que poboaron
un terror de tellados fantasmais,
pero luces do ar, avelaíñas,
bolboretas de talco, arquitecturas
de espira nacarada, ollos acesos
para furar o mundo en alta forza
de aguias e gaviáns, soño sen pausa,
a vida permanece, brúa, canta,
e, ás veces, vagarosa,
vence os ferros do tempo : inesperada
entre as sombras do buxo,
irónica, teimosa, mineral,
camiña cara a ti unha tartaruga
que resume na esfera do seu sabio
acontecer pancrónico
as letras do presente e do futuro
e o teu vocabulario das orixes.
[Vocabulario das orixes]
Δ |
|